A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

OUTROS OBXECTOS

Nesta sección aparecen outros obxectos, importantes, como unha alquitara, unha centraliña telefónica, unha vitrola, un estudio fotográfico, diferentes máquinas de escribir… para comprender unha época que forma parte da cultura galega.

Alquitara
Aparello feito de cinc na súa maior parte composto de dous corpos, un inferior (caldeira) de forma troncocónica invertida con dúas asas de ferro e dúas billas de latón, unha cun funil de cinc enriba para regular o proceso de destilado; un corpo superior (capacete) de forma esférica onde se condensan e refrixeran os vapores das herbas. No cume da peza leva unha rosca cun tapón tamén de latón. Dun lateral do capacete arrinca un tubo longo (canón) de forma cónica revirado no extremo cara a abaixo. O interior, todo de cinc, leva un pequeno caldeiro con buratos en toda a súa extensión onde se poñen os elementos vexetais sometidos ao proceso de destilación. Este aparello vai ergueito do chan por un trespés especial axeitado á forma da alquitara, formado por un aro de ferro con tres pés e tres soportes lanceolados a unha altura inferior do aro, onde se introduce a parte inferior da alquitara.
Utilización: Emprégase para extraer por medio do lume e polo procedemento de destilación de diversas plantas fermentables o alcohol farmacolóxico de uso terapéutico.

Centraliña telefónica
Caixa de madeira que se coloca arrimada a unha parede. Componse dunha base de madeira sobre a que se ensambla unha caixa coas arestas arredondadas e unha tapa que xoga nun par de bisagras que oculta da vista os mecanismos de conexión e leva no frontal visible catorce aneis metálicos numerados para facer as distintas conexións telefónicas posibles por medio dunha caravilla conectada cun cable á base da caixa. Na parte superior desta leva dúas campaíñas de aviso de ferro sobrechapado e no lateral esquerdo un gancho de conexión para pendurar os auriculares (receptor e transmisor) formado por un mango de madeira cos anteditos elementos situados a cada extremo del unido por medio dun cable á base da caixa.

Utilización: Aparello que se empregaba para conectar unha ou varias liñas de teléfono nunha mesma localidade.

Gancho de tres puntas
Instrumento de ferro formado por tres pezas curvas coas puntas reviradas e aguzadas formando un gancho con tres puntas dispostas en ángulos de 120º. A parte superior leva soldado un aro de ferro ao que se lle dispón unha argola circular para penduralo ou amarrar unha corda ou cadea.
Utilización: Serve para enganchar ou colgar cousas.

Vitrola (Gramófono)
Instrumento que reproduce as vibracións da voz humana ou doutro son calquera inscrito previamente sobre un disco xiratorio de vinilo amplificando a vibración por medio dunha bucina exterior. Consta dunha caixa de madeira cunha manivela, que contén a maquinaria que move o xiradiscos exterior recuberto cun pano de feltro verde; unha agulla lectora do disco nun brazo articulado de latón ao que se axusta no extremo un pavillón ou bafle de metal anodizado en cor verdosa en forma de trompa con decoracións en tons dourados e apliques metálicos da mesma cor. A caixa de madeira ten diversas molduras na parte inferior como zócolo e como friso na superior con carácter simplemente decorativo.
Utilización: Aparello empregado para reproducir o son gravado nun disco xiratorio de vinilo, xeralmente música.

Lavativa
Recipiente de porcelana de forma aproximada a un cilindro cunha asa e un cano do mesmo material baixo esta e, preto da base, onde se introduce un longo e flexible tubo de caucho rematado no extremo nun cano de latón de figura fusiforme cunha billa do mesmo material para regular e dosificar a saída do líquido terapéutico do recipiente.
Utilización: Instrumento empregado para introducir líquido polo ano no intestino para provocar a defecación e evacuación, ademais doutros usos medicinais.

Máquina de escribir
Artificio que por procedementos mecánicos fai mover un mecanismo de pezas, teclas, que ao se pulsar moven uns tipos ou caracteres tipográficos fixos que se imprimen no papel pola presión do impulso dixital e a intervención dunha cinta tintada. Consta nas súas partes fundamentais dunha armazón metálica (carcasa) na que se axusta un teclado que fai mover unha restra de láminas cos caracteres tipográficos e un carro (peza cilíndrica de caucho) que se move horizontalmente e onde se introduce a folla de papel.
Utilización: Emprégase para escribir con caracteres fixos e normalizados.

Muíño do café
Enxeño composto por unha estrutura de ferro de catro pés con senllos buratos para suxeitar ao chan que terman dunha armadura cuadrangular cun oco disposto para encaixar unha caixa de madeira cunha pequena gabeta para recoller o po da moída. Enriba disponse o mecanismo propio do muíño composto interiormente por unha engrenaxe cunha roda dentada que actúa de moa, cuberto cunha estrutura de láminas de ferro na que se dispón un funil de forma troncocónica invertida (de 32 cm diám. máx.); baixo este unha peza metálica e móbil que regula a entrada de gran e un parafuso que axusta a medida e grosor da moída. Todo este mecanismo móvese por medio dun eixe de aceiro que cruza todo o aparello dun extremo a outro levando nun cabo unha manivela, mecanismo de transmisión constituído por un brazo de ferro cun pomo xiratorio de madeira, que imprime rotación a unha gran roda (107 cm diám.) que por inercia facilita a rotación e movemento da engrenaxe. Esta peza vai decorada con tres raios curvos en forma de «S» con decoración vexetal de carácter figurativo e naturalista.
Utilización: Máquina que se emprega para moer café en cantidades industriais.

Prensa
Trebello que consiste nunha prancha de ferro (base), rectangular, e vai un pouco ergueito do chan por catro láminas cadradas de ferro dispostas nas esquinas a xeito de pés. Na base, no centro dos lados maiores, articúlanse dous eixes cilíndricos, dispostos verticalmente, nos que asenta unha trabe de ferro suxeita a elas por dúas grandes roscas. O centro da trabe conta cun buraco polo que pasa un grande e longo parafuso de ferro que se fai xirar a man por medio de dous tornos culminados nos extremos por dúas esferas de latón. O fuso leva articulado no extremo inferior unha pequena prancha de dimensións sensiblemente maiores (30,5 x 29,5 cm) cá base, peza móbil guiada polos eixes verticais no movemento de ascenso e descenso, que preme o contido disposto na superficie da base.
Utilización: Máquina que se emprega para comprimir e prensar papel, libros, etc.

Raño de dous dentes
Instrumento de ferro formado por dous dentes dispostos transversal e oblicuamente a un mango curto de ferro que no seu extremo libre se revira para formar un oco ou burato para penduralo dalgún sitio.
Utilización: Emprégase para rañar ou sachar a terra mol; xeralmente ten aplicacións en xardinería.

Teléfono de sobremesa
Aparello destinado para a transmisión a distancia de mensaxes formado por un corpo que dispón dun disco de latón xiratorio e numerado; unha asa xiratoria do mesmo material axustada á base deste corpo de pasta de cor negra, elevado da superficie por catro pés de goma; dous soportes en «V» para adaptar transversalmente unha peza alongada que leva un auricular receptor e un transmisor unidos á base posterior do aparello por medio dun fío. Deste mesmo sitio sae outro cable que conecta coa rede eléctrica de transmisión.
Utilización: Emprégase para a transmisión a distancia de mensaxes orais ou calquera outro tipo de son por medio dunha liña eléctrica.

Burro
Armazón usada no ámbito doméstico feita dunha porción do tronco de árbore, desprovista de pólas e ramallos, de forma máis ou menos circular da que saen por baixo tres patas aproveitadas das pólas máis fortes. Deste xeito, a superficie non é horizontal, senón que queda lixeiramente inclinada cara a un lado.
Utilización: Emprégase como soporte e base para cortar e serrar madeira, leña…

 

A CASA LABREGA A MENTALIDADE  OS OFICIOS TRADICIONAIS  OS TRABALLOS AGRÍCOLAS

 

a miña compra

 x 

Non tes seleccionado ningún produto

Noticias

  • Olegario Sotelo Blanco publica as súas memorias

         Olegario Sotelo Blanco (Quintela de Mazaira, 1945) editor, empresario e autor de numerosos libros de narrativa e mais ensaio publica o seu libro de memorias O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña.   Olegario percorre neste...

    Ler máis...

  • Etnohistoria de Mazaira

    Por Armando Requeixo. Un pobo que non lembra a súa historia, as súas tradicións e os seus devanceiros é un pobo que deixou de existir. Para afianzar o presente, para viabilizar un futuro é imprescindible gardar memoria do que viñemos sendo. Os...

    Ler máis...