Convócase o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco, axudar á consolidación da nosa cultura, á normalización lingüística do galego e a fortalecer as relacións con Portugal e a lusofonía, os concellos de Allariz e Castro Caldelas, as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco, xunto coa Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), por medio do seu Centro de Estudos Transdisciplinares para o Desenvolvimento (CETRAD), convocan o XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS, dotado, antes dos impostos preceptivos, con 4.500 euros e que se ha rexer polas seguintes

 

BASES

Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega ou portuguesa, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas da RAG e/ou do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa. Os textos presentados ao premio deben ser inéditos, totalmente orixinais, non estar publicados nin traducidos en ningún formato, e teñen que tratar de investigacións referidas a Galiza e/ou o Norte de Portugal, sempre desde o punto de vista do campo das ciencias sociais (antropoloxía, socioloxía, historia, lingüística, xeografía, economía, turismo…). Os traballos de investigación deben ter unha extensión mínima de 150 páxinas e unha extensión máxima de 300 páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.

Segunda.– De cada texto presentaranse cinco (5) copias en papel antes do día 31 de agosto do 2015, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos  77, 15820 Santiago de Compostela, Galiza.

Terceira.– Os orixinais serán presentados sen identificación da autoría. Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o título ou lema e que conteña o nome completo, DNI, B.I. ou cartão de cidadão, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra; indicando no exterior do sobre: xx premio vicente risco de ciencias sociais.

Cuarta.– O xurado estará composto por seis (6) membros que, relacionados co campo da cultura e das ciencias sociais, serán nomeados polas entidades convocantes. Un deles actuará como secretario. O premio ao mellor traballo de investigación presentado outorgarase por maioría de votos.

Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer publicamente na primeira quincena do mes de setembro.

Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer no transcurso do ano 2015 e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Vila Real (Portugal) en data que se comunicará oportunamente.

Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.

Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non po­derán concorrer nesta convocatoria.

Novena.– Fundación Sotelo Blanco, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación da obra gañadora sen limitación de número de exemplares nin de edicións, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en calquera lingua, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte (20) exemplares da obra publicada.

Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince (15) días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren, destruiranse.

A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.

Santiago de Compostela (Galiza) e Vila Real (Portugal), marzo de 2015

a miña compra

 x 

Non tes seleccionado ningún produto

Noticias

  • Olegario Sotelo Blanco publica as súas memorias

         Olegario Sotelo Blanco (Quintela de Mazaira, 1945) editor, empresario e autor de numerosos libros de narrativa e mais ensaio publica o seu libro de memorias O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña.   Olegario percorre neste...

    Ler máis...

  • Etnohistoria de Mazaira

    Por Armando Requeixo. Un pobo que non lembra a súa historia, as súas tradicións e os seus devanceiros é un pobo que deixou de existir. Para afianzar o presente, para viabilizar un futuro é imprescindible gardar memoria do que viñemos sendo. Os...

    Ler máis...