Chegar ao número cen, unha meta cumprida… pero continúa

Xose Manuel Beiras, Olegario Sotelo Blanco, Xosé Luís Méndez Ferrín e Antón Figueroa

 

O Consello de Redacción da revista propúxose levar a cabo unha xira de presentacións por todo o país co gallo de celebrar o seu número 100, que supón vinte e cinco anos de vida dun proxecto que lle dá a Galicia unha fonte significativa de pensamento crítico. A Facultade de Filosofía acolleu a presentación do Número 100 d’A Trabe de Ouro.

Antón Figueroa, membro do Consello de Redacción, subliñou que o proxecto da Trabe nace do «compromiso co noso tempo e a nosa terra» para ofrecer unha «reflexión crítica» da realidade. Estas foron, segundo el, «as constantes da nosa publicación». Agradeceu aos lectores a súa estima polo proxecto porque «eles son o noso fundamento. Pode haber escritura sen lectura, pero non hai textos sen lectores». Logo de facer unha introdución dos contidos do número 100, Antón Figueroa fixo unha reflexión sobre o momento que están a vivir as culturas nacionais que, debido ao dominio do neoliberalismo «pode chegar un momento no que se reduzan a un mero espectáculo exótico internacional». Neste sentido, afirmou a dobre función do pensamento crítico: unha, «analizar os procesos para evitar convertérmonos en mercadoría exótica destinada á curiosidade turística que non dialoga nunca con nada»; a outra: «saír da autosuficiencia fatal e existir na medida en que sexamos capaces de xerar unha reflexión en diálogo co pensamento universal».

Olegario Sotelo Blanco, pola súa parte, logo de lembrar os agoiros que presaxiaban que a existencia da revista non pasaría dos tres números, sinalou que A Trabe de Ouro é o buque insignia da editorial Sotelo Blanco porque «un libro publícase e punto, mentres que a revista hai que publicala cada tres meses». Para el, o mérito do proxecto non é da editorial, senón do director e do Consello de Redacción que «levan vinte e cinco anos colaborando con ánimo xunto á xente da editorial». Os segredos de que se chegase aos cen números son para Olegario Sotelo Blanco «a concordia e a amizade que hai entre todos os membros do Consello da Trabe». Finalmente, afirmou que chegar ao número cen constitúe unha meta xa cumprida e desexou poder seguir dándolle vida ao proxecto.

Xosé Manuel Beiras agradeceu a «todos os homes e mulleres que levan adiante esta fazaña patriótica, no mellor sentido da palabra, e manter viva A Trabe de Ouro», e cualificou de «entrañable» a relación de equipa que existe entre todos os colaboradores da publicación. O tamén parlamentario galego considera que o fenómeno da Trabe é «insólito», pois é «impensable para todos os ven Galicia desde fóra, con ollos de colonialistas ou simplemente de forasteiros que non lles interesa saber nada deste país (non sendo os mariscos), sobre o que pensan que a xente fala un dialecto estraño que pouco máis serve que para falar coas vacas». Beiras fixo, así mesmo, un paralelismo da Trabe co período da Xeración Nós polo alto nivel cultural que ambos acadaron e salientou o labor heroico de fenómenos coma os da Trabe e as editoras galegas, sobre todo as pequenas, na defensa da existencia de Galicia fronte ao proceso de exterminio, o que nos obriga a pensar que o traballo da cultura ten que ser un labor que non pense só na cultura, senón na relación indisociable entre a instancia cultural, a sociedade, as relacións de produción e as clases sociais populares.

Xosé Luís Méndez Ferrín comezou agradecendo a todo equipo que participa na Trabe, porque sen el non existiría a revista. Neste sentido apuntou que Olegario Sotelo Blanco merece unha homenaxe nacional «polo seu traballo desinteresado a prol da cultura galega». Tamén destacou que na Trabe de Ouro «se traballa en réxime de voluntariado», pois «non se pagan as colaboracións, non se paga quilometraxe, nin dietas». Engadiu que esta revista «crea suspicacias no poder, inimizades frontais… O poder “autoanémico” respondeu negándolle calquera tipo de subvención». Salientou tamén o traballo gráfico de Francisco Mantecón por entender con tanta precisión o tipo de revista que quería ser a Trabe: «fixo unha revista sen cores, unha revista para ler, para pensar para acción, para transformar o mundo e para transformar Galicia». Segundo el, a revista nace nun momento no que comeza a hipertrofia iconográfica e sensorial e de decadencia do pensamento». Naquel tempo cae o muro de Berlín e interprétase como o fracaso do comunismo («hoxe nós vivimos o fracaso do capitalismo», subliña Ferrín), e naquel tempo non se podía publicar en Galicia se non pertencías ao aparato cultural artellado polo poder autonómico, estabamos expulsados de todas partes, «non había forma nin maneira… e entón había que facer unha revista de pensamento, e fíxose». Neste sentido, o director da Trabe propuxo a publicación nun libro con todos os editoriais da revista para ter unha ferramenta de observación de como foi evoluíndo a historia do país.

Ferrín pechou o acto chamando á unidade ideolóxica do nacionalismo e da esquerda que hoxe é unha realidade tanxible: «algún día, estaremos todos xuntos, e se esa unidade non se produce, a unidade dos antifascistas, demócratas, nacionalistas e as xentes de esquerda, este país seguirá vencendo o noso inimigo xurado que nos quere conducir á extinción. E iso non imos deixarllo facer, nin dentro nin fóra da Trabe de Ouro».

 

 

a miña compra

 x 

Non tes seleccionado ningún produto

Noticias

  • Olegario Sotelo Blanco publica as súas memorias

         Olegario Sotelo Blanco (Quintela de Mazaira, 1945) editor, empresario e autor de numerosos libros de narrativa e mais ensaio publica o seu libro de memorias O neno pastor que venceu o lobo. Lembranzas dun galego emigrado en Cataluña.   Olegario percorre neste...

    Ler máis...

  • Etnohistoria de Mazaira

    Por Armando Requeixo. Un pobo que non lembra a súa historia, as súas tradicións e os seus devanceiros é un pobo que deixou de existir. Para afianzar o presente, para viabilizar un futuro é imprescindible gardar memoria do que viñemos sendo. Os...

    Ler máis...